A situación actual na xestión do patrimonio industrial, a análise nun curso de verán en Lousame
Os expertos e estudantes reunidos os días 27 e 28 de agosto en Lousame no curso de verán da USC que dirixe o profesor Xan Carmona tentarán buscar a maneira de aproximar o patrimonio industrial como un instrumento idóneo para que os cidadáns o asuman como sinal de identidade e como un elemento definitorio da memoria histórica.
Dende a autocrítica e a diagnose exhaustiva sobre a situación actual na xestión do Patrimonio Industrial, no curso fomentarase a elaboración de materiais didácticos sobre a Historia e o Patrimonio Industrial, recollendo as percepcións que se teñen do tema dende as distintas disciplinas da ciencia, da técnica e da historia.
Analizaranse deste xeito os elementos industriais máis prioritarios en base ao seu interese e posibilidades de recuperación, incorporando posibilidades de reutilización. Ademais, mostraranse casos reais de xestión do patrimonio industrial que poidan servir de modelo para novas accións como o Parque Mineiro de Almadén, o Museo Mineiro de Riotinto, a fábrica de conservas Calvo en Esteiro (Muros) ou o Museo Noruegués da Conserva.