Skip to main content

A Universidade estudará a arte rupestre nun curso de verán en Muros

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago celebrará do 17 ao 21 de agosto na Casa da Cultura do Concello de Muros o curso ‘A xestión integral do patrimonio arqueolóxico. Modelos, métodos e técnicas aplicables ó caso dos petróglifos’, no que se estudará a arte rupestre gravada nas rochas, manifestación das mentalidades e dos coñecementos que sobre o mundo tiñan as comunidades que a produciron.
Analizaranse así, ao longo de 32 horas lectivas, estes vestixios como un elemento presente na paisaxe de gran parte de Europa, desde o norte de Escandinavia, por todo o Arco Atlántico, Centroeuropa e o Mediterráneo, onde se atopan milleiros de estacións cunha variedade de tipoloxías e modelos de distribución no territorio.
Durante este curso, dirixido por Josefa Rei Castiñeiras, estudaranse e analizaranse estas manifestacións de distintas maneiras, empregando métodos e técnicas científicas para ofrecerlles aos asistentes interpretacións sobre o significado dunhas manifestacións artísticas presentes na memoria colectiva actual.
A tendencia cara á xestión integrada do territorio fai necesario que un elemento patrimonial da importancia dos petróglifos sexa xestionado de maneira ordenada e poida integrarse dentro do tecido sociocultural local. Nestas sesións, daranse exemplos das posibilidades de desenvolvemento racional asociadas á posta en valor destes bens de interese cultural.
A taxa xeral de matrícula para este curso é de 120 euros. Existe un prezo reducido, de 70 euros, para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. O prazo para a inscrición, tanto a través internet como por vía presencial (ata o 7 de xullo), xa está aberto.

The contents of this page were updated on 07.08.2009.