Comezaron as conferencias dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de Fóra de Galicia
Como cada ano dentro dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de Fóra de Galicia que organizan o Instituto da Lingua Galega da USC, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega, ten lugar un ciclo de conferencias no que participan figuras relevantes dos diferentes eidos da cultura galega.
Este mércores 8, ás 12:00 horas na aula 12 da Facultade de Filoloxía, o profesor Xesús Alonso Montero impartirá en primicia a conferencia ‘Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)’, pois pola tarde fará na librería Couceiro a presentación oficial do seu último libro que leva o mesmo nome.
O ciclo de conferencias foi inaugurado este martes polo profesor Henrique Monteagudo que ofreceu ao alumnado unha panorámica sociolingüística galega. O venres, no mesmo horario, será o presidente da Real Academia Galega o que ofrecerá unha conferencia co título ‘Levantamento de 1846 e a evolución do galeguismo’.