Skip to main content

Especialistas de diversos países revisan na USC o futuro da Universidade na sociedade en rede

Expertos de distintos países reúnense estes días en Compostela para analizar o futuro da Universidade española e latinoamericana e o seu papel formativo e investigador nunha sociedade global e nun entorno socio-económico de crise e incertidume.
A celebrar na Facultade de Ciencias da Educación da USC, a xuntanza quere abrir unha discusión sobre as demandas de formación e as liñas de investigación que identifiquen e axuden a comprender o papel da universidade na sociedade dixital, nun momento de cambio da estrutura universitaria en España por mor da implantación do Plano Bolonia. Os contextos e a proxección das universidades españolas, europeas e latinoamericanas conforman as perspectivas desta sesión interdisciplinar.
O encontro ‘Universidade e Sociedade do Coñecemento’ conta este xoves coa presenza do profesor e investigador británico Ronald Barnett, especialista en didáctica e autor de varios libros sobre a institución universitaria que propón, fronte aos planos de estudos actuais, unha visión crítica e progresista do ensino superior; e do catedrático da Universidade da Coruña Jurjo Torres Santomé, membro do consello asesor da publicación Curriculum Studies. Xa o venres intervén o investigador mexicano Imanol Ordorika, que busca propostas alternativas e orixinais ás estruturas educativas na actualidade, e a partir das 12:00 terá lugar unha mesa redonda titulada ‘Investigacións desde a RED UNISIC. A situación das universidades iberoamericanas fronte á economía do coñecemento’.
A análise dos participantes permitirá incidir no contexto das universidades iberoamericanas e os desafíos que implica a nova orde económica e social actual; a identificación das liñas de investigación que faciliten a comprensión, a avaliación e a toma de decisións sobre o papel da universidade no comezo do século XXI; o exame das relacións entre política, investigación e práctica educativa, e, por último, as demandas formativas neste contexto de complexidade e como se poden concretar no currículo do universitario.
UnisicO seminario está organizado pola rede Universidade e Sociedade da Información e do Coñecemento (UNISIC), iniciativa do grupo de investigación Stellae que leva traballando desde 2006 en diferentes proxectos de investigación e actividades de docencia en cooperación con varias universidades de América Latina. Os obxectivos destes profesionais xiran entorno aos procesos de adaptación da universidade contemporánea ás novas condicións impostas polas sociedades e economías da información e do coñecemento.

The contents of this page were updated on 07.09.2009.