Skip to main content

Estudantes de 35 países danse cita na USC para profundar na lingua e cultura españolas

Preto de trescentos estudantes de 35 nacionalidades danse cita nos seminarios que sobre lingua e cultura españolas organiza a oficina de Cursos Internacionais da USC
Preto de trescentos estudantes de 35 nacionalidades danse cita nos seminarios que sobre lingua e cultura españolas organiza a oficina de Cursos Internacionais da USC
A inauguración dos Cursos Internacionais de Verán será este martes 14 ás 19:00 horas no Paraninfo

Preto de trescentos estudantes de 35 nacionalidades de todo o mundo danse cita a partir desta semana en Santiago para asistir aos seminarios que sobre lingua e cultura españolas organiza a oficina de Cursos Internacionais da USC.
A inauguración oficial terá lugar este martes 14, ás 19:00 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. Entre outros, contarase coa presenza do reitor Senén Barro; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos; a asesora do Ministerio de Educación, Política Social e Deportes, Rosa Rodríguez; o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo; e a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud.
No acto de apertura, no que Ignacio Santos pronunciará unha conferencia sobre o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2010, estarán presentes os estudantes estranxeiros que participan nos Cursos de lingua e cultura españolas e os seus coordinadores, procedentes de universidades e centros de estudos de Estados Unidos, Canadá, Brasil e China. Tamén asistirán os estudantes que viaxaron pola súa conta dende os cinco continentes, chegados de Xapón, Suecia, Taiwán, Australia, Francia, Escocia, Noruega, Gran Bretaña, Alemaña, Italia e Indonesia.
Clases para profesores Por outra banda, no acto participarán os docentes estranxeiros de ensino secundario que van tomar parte nos programas de formación para profesores de español como lingua estranxeira, organizados por Cursos Internacionais da USC en colaboración co Ministerio de Educación, Política Social e Deportes e a Embaixada de España en EEUU e Canadá. Destaca entres estes o ‘Curso de lingua e cultura españolas. O Camiño de Santiago’, que ten como obxectivo perfeccionar a competencia lingüística e cultural no marco da historia e a actualidade do fenómeno xacobeo.
Estes profesores proveñen de países tan diversos como Estados Unidos, Italia, Brasil, Albania, Bulgaria, Eslovaquia, Hungría, Polonia, República Checa, Romanía, Rusia, Sirya, Turquía, Alemaña, Australia, Bélxica, Eslovenia, Irlanda, Nova Zelandia, Portugal e República Sudafricana.
Actividades culturaisPara todos eles, Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden clases de lingua para os estudantes e de didáctica e metodoloxía do ensino da lingua para os profesores. Asemade, impártense seminarios de cultura que achegarán aos participantes diferentes aspectos da realidade de España e de Galicia.
As clases complétanse cun programa de actividades culturais que inclúe visitas guiadas á cidade e ao patrimonio da USC, sesións de cine, conferencias, visitas a museos e excursións dunha xornada os sábados a diferentes puntos da xeografía galega. No mes de xullo os itinerarios ofrecidos son a Ría de Arousa; Lugo e o Camiño de Santiago e A Coruña e Rías Altas.
Concurso ‘Copostelando’Por outra banda, Cursos Internacionais convoca a 2º Edición do Concurso de Fotografía ‘Compostelando’ no que os estudantes estranxeiros captarán a imaxe que reflicta a vida na universidade compostelá e na cidade. Colaboran nesta iniciativa a Vicerreitoría de Política Internacional e a Concellaría de Cultura.
Cursos Internacionais xestiona ademais o aloxamento dos participantes nos seus programas nas residencias universitarias, en pisos compartidos con outros estudantes ou con familias locais.

The contents of this page were updated on 07.14.2009.