Skip to main content

A exposición 'Cincuenta anos de Manos Unidas' pódese visitar en Lugo

A sala Isaac Díaz Pardo, da Facultade de Veterinaria de Lugo acollerá, dende este venres 4, unha exposición fotográfica que repasa os 50 anos de Manos Unidas, a ONG española que traballa no Terceiro Mundo.
A través de 25 paneis, a exposición ’Cincuenta anos de Manos Unidas’ fai un percorrido polas principais privacións que afectan a África, América e Asia, os continentes nos que esta organización non gobernamental apoia proxectos dende 1960, o ano no que foi creada da man dun grupo de mulleres que se xuntaron en Roma, ao chamamento da FAO, para declararlle a guerra á fame no mundo.
Cada fotografía ilustra algunha das carencias máis representativas que se dan neses continentes en sectores como a educación, a formación profesional, a sanidade, o medio ambiente, a igualdade entre homes e mulleres ou os dereitos humanos. Pero a mostra pretende ser tamén unha expresión de esperanza, dos froitos dun esforzo materializado en distintos proxectos de desenvolvemento apoiados por Manos Unidas. Os protagonistas de cada imaxe son exemplo dalgún pequeno ou grande logro conseguido co traballo diario, dalgunha necesidade cuberta ou dalgún camiño que se emprende.
A exposición ‘Cincuenta anos de Manos Unidas’ estará na Facultade de Veterinaria ata o vindeiro 22 de decembro, e pódese visitar en horario de 9:00 a 21:00 horas.

The contents of this page were updated on 12.03.2009.