Skip to main content

Comeza o labor dos bolseiros de Sustentabilidade nos centros docentes

Por sexto ano consecutivo vinte e oito estudantes da USC foron seleccionados coma bolseiros de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria para este curso. A Oficina de Desenvolvemento Sostible reuniunos este venres por primeira vez na Casa Jimena e Elisa de la Vega, en Santiago, e na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo, para explicarlles a dinámica de traballo que se vai seguir ao longo do programa. Ademais tratarase xa a primeira das actividades que os bolseiros van a desenvolver: enquisas sobre hábitos de transporte e de consumo de papel na USC.
As bolsas teñen como obxectivo fomentar a participación e sensibilización da comunidade universitaria mediante a súa implicación en proxectos ambientais, sociais ou de integración, continuando co traballo iniciado nas anteriores convocatorias. Os bolseiros colaborarán na xestión dos puntos verdes para a reciclaxe de diferentes residuos nos centros, a avaliación ambiental dos centros e a promoción de exposicións e cursos sobre temática ambiental.
Ademais, asistirán a seminarios relacionados con pegada e débeda ecolóxica que se organizarán en colaboración coa Sociedade Galega de Educación Ambiental e a Federación Ecoloxista Galega e participarán en visitas de campo a instalacións de interese ambiental. Estas actividades permiten que os estudantes adquiran unha visión máis completa do seu entorno que enriqueza a formación universitaria que reciben.
Toda a información sobre estas bolsas pode ser consultada na web da Oficina de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación, que promove as mesmas xunto Servizo de Participación e Integración Universitaria dependente da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social.

The contents of this page were updated on 12.04.2009.