Skip to main content

Alumnas de Didáctica da Educación para Adultos organizan as xornadas 'Achégate ao medio rural'

‘Achégate ao medio rural’ é o lema dunhas xornadas que entre os días 9 e 18 de decembro se vai desenvolver na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur organizadas por María Güimil, Tania Rodríguez e Adriana Morrazo, alumnas da materia de Didáctica da Educación para Adultos que imparte Xesús Rodríguez.
As xornadas comezarán o vindeiro mércores, día 9, a partir das 13:00 horas cunha exposición fotográfica de carácter informativo que permanecerá instalada en diversas dependencias do centro compostelán. Ao día seguinte, o xoves 10, será a quenda de ‘Víchelo?’, un pase de vídeos e documentais co medio rural como fío condutor. Celebrarase a partir das 16:30 horas na cafetería do complexo Ciencias da Educación-Psicoloxía.
‘Os adultos na escola. Unha experiencia interxeracional’ é a actividade programada para o venres 11, incluíndo a exposición de proxectos e revistas interxeracionais realizadas polos alumnos de Didáctica da Educación de Adultos, da titulación de Educación Social. Terá lugar na Aula 9 entre as 11:00 e as 13:00 horas.
Á semana seguinte, continuarán as actividades, o martes 15 cunha charla de Alexandre Sotelino Losada, do grupo de investigación Esculca, para realizar unha análise socio-comunitaria sobre o Entroido, continuando o mércores cunha nova sesión de ‘Víchelo?’. Os xogos populares e tradicionais serán os protagonistas da xornada do xoves 17, na que tamén se dará a coñecer as particularidades do traballo dunha redeira. Finalmente o venres 18 rematarán as xornadas cun faladoiro e cea no ‘Fogar do Santiso’.

The contents of this page were updated on 12.04.2009.