Skip to main content

O Observatorio Astronómico da USC organiza un encontro internacional sobre estrelas dobres e múltiples

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller organiza este xoves 10 e o venres 11 o congreso internacional ‘Double and multiple stars: dynamics, physics and instrumentation’ no que participarán investigadores de oito países. Este encontro, terceiro que organiza o observatorio compostelán dentro das actividades do Ano Internacional da Astronomía, súmase ao de ‘Astronomía Nova’, celebrado en maio, e ás xornadas de traballo en Mecánica Celeste do pasado mes de xullo.
A xuntanza que vai dar comezo este xoves a partir das 10:30 horas no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas centrarase nunha análise sobre a situación actual e perspectivas de futuro da investigación no eido das estrelas dobres e múltiples, ámbito de referencia da Comisión 26 da Unión Astronómica Internacional, grupo que preside o director do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo, no trienio 2009-2012.
O estudo desta materia na USC xa se remonta ao traballo de Ramón María Aller, considerado o introdutor destes estudos en España. Primeiro no seu Lalín natal, onde obtivo series de medidas micrométricas así como a primeira órbita calculada na Península, a do sistema STT 77, e posteriormente en Compostela onde chegou a crear unha escola de investigadores neste eido. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden consultar a páxina web do encontro.

The contents of this page were updated on 12.09.2009.