Skip to main content

A nutrición animal centra unha nova xornada do ciclo 'Compromiso das empresas coa formación do veterinario'

A conferencia enmárcase no programa de actos para conmemorar o 25 aniversario da Facultade de Veterinaria

Representantes da empresa ‘Affinity Petcare’, que comercializa produtos de alimentación para mascotas, impartirán este xoves 10, ás 19:00 horas, no salón de actos da Facultade de Veterinaria, a conferencia titulada ‘Manexo nutricional do FLUTD’. A delegada veterinaria da empresa, Paloma Cadahia, e o director de comunicación, Josep María Solé, falarán de cómo detectar e tratar o FLUTD ou enfermidade do tracto urinario inferior dos gatos, que presenta uns síntomas clínicos raramente indicativos dunha enfermidade en particular.
Esta conferencia enmárcase dentro do ciclo ‘Compromiso das empresas coa formación do veterinario’ que se está a desenvolver na Facultade de Veterinaria dentro do programa de actividades para celebrar o seu 25 aniversario.
Os relatorios continuarán ata o mes de abril coa participación dunha vintena de profesionais de empresas como ‘Hill’s’, ‘Pfizer Salud Animal’ ou ‘Esteve Veterinaria’, que abordarán diversas temáticas do eido veterinario como os tratamentos da artrosis canina, o estrés nas mascotas, e mesmo cómo debe afrontar a primeira entrevista de traballo un veterinario.

The contents of this page were updated on 12.09.2009.