O gañador do X Premio Aresa de Desenvolvemento Rural darase a coñecer a vindeira semana
O xurado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que promoven a USC e o grupo lugués Aresa, dará a coñecer a vindeira semana o nome do gañador deste ano, de entre todas as persoas, grupos de investigación, institucións, asociacións, empresas ou calquera outro tipo de entidade que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega e que teña presentado os seus traballos de investigación, iniciativas empresariais ou traxectorias persoais ou institucionais antes do 16 de outubro.
O Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural, dotado con dez mil euros, celebra este ano o seu décimo aniversario, o que lle outorga un sentido moi especial xa que esta celebración confirma que se trata dun certame moi recoñecido e asentado na sociedade galega, e que acadou unha grande importancia tanto pola súa traxectoria como polos currículos dos premiados en todas as edicións.
Este galardón ven recoñecer e incentivar o I+D nos eidos agrícola e gandeiro como elementos fundamentais cara a mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que traballan na zona rural galega, con especial atención ás particularidades da economía luguesa, dando prioridade á sostibilidade dos recursos naturais e o respecto á natureza.
O xurado deste ano está composto polo reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, José Regidor García; e o ex-reitor da USC e académico da Real Academia Española da Lingua, Darío Villanueva Prieto.
Dez anos do Premio AresaO Premio Aresa de Desenvolvemento Rural naceu no ano 2000 por iniciativa do presidente da corporación Álvaro Rodríguez Eiras, coa intención de favorecer o desenvolvemento e a promoción do medio rural galego. Nesta aventura colleu da man á Universidade de Santiago de Compostela, vinculada ó sector labrego polas múltiples titulacións relacionadas coa agricultura, a silvicultura e a gandería que ofrece.
Dez anos despois, o certame é un dos máis recoñecidos dentro do sector profesional ao que se dirixe, tanto polo seu prestixio como pola dotación económica da que vén acompañado.
Algún dos nomes propios que conforman a historia deste premio son a industria cárnica Novafrigsa, recoñecida na primeira edición, e á que lle seguiron o profesor da USC Javier Guitián, a Aula de Produtos Lácteos, o por aquel entón director xeral de Agricultura na Comisión Europea, Xosé Manuel Silva Rodríguez, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, o programa O Agro-Labranza, o Consello Regulador de Denominación de Orixe Ribeira Sacra, a Queixería Casa-Macán e a Facultade de Veterinaria de Lugo, recoñecida no ano 2008.