O Grupo Ingapan gaña a décima edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O xurado do X Premio Aresa de Desenvolvemento Rural acordou de xeito unánime conceder o galardón ao grupo lugués Ingapan, pola súa contribución ao desenvolvemento da economía galega.
Para os membros do xurado, composto polo reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; o reitor da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, José Regidor García; e o ex-reitor da USC e académico da Real Academia Española da Lingua, Darío Villanueva Prieto, Ingapan é “o exemplo de como unha pequena empresa luguesa pode, mediante o esforzo e a innovación, acometer un proceso de expansión a nivel nacional e internacional, que a leva a estar presente en máis de 10 países da Unión Europea e 7 de América”.
Ademais, valorouse o seu carácter innovador e o continuo traballo na busca de novos produtos e servizos, o que fixo posible que xeración tras xeración a empresa se convertese nun referente de calidade e prestixio.
A candidatura de Ingapan foi elixida como gañadora entre as dez “de excelente calidade” que se presentaron ao certame, e nas que había asociacións, empresas e traxectorias profesionais que comparten o seu compromiso coa evolución e a promoción do medio rural galego.
O Premio Aresa entregarase o vindeiro 22 de xaneiro.
Grupo IngapanIngapan ten a súa orixe na Panadería Chousa, fundada en Lugo no ano 1959. A partires de aí, o pequeno negocio de carácter familiar foi ampliando os seus horizontes ata consolidarse como Ingapan S.L. en 1989, converténdose en pouco tempo nunha das empresas punteiras no sector das masas conxeladas e a pastelería.
As expectativas da segunda xeración da familia Chousa non se centraron exclusivamente no mundo da alimentación, senón que decidiron involucrarse noutros sectores. É neste momento cando se forxa o ‘Grupo Ingapan’, que engloba baixo unha mesma empresa tanto negocios relacionados coa alimentación como relacionados con outras actividades, como é o caso da hostalaría ou o motociclismo.
A día de hoxe, o Grupo Ingapan é unha das compañías líderes do sector da alimentación en España, ocupando o primeiro posto nacional na produción da rama da panificación e sendo o cuarto produtor na rama da alimentación. A empresa conta con catro delegacións en Lugo, A Coruña, Pontevedra e Tenerife, e 180 distribuidores que lle permiten levar os seus produtos ao cliente final en calquera punto do país. Ademais ten presenza en 17 países, realizando exportacións a Portugal, Francia, Polonia, Guatemala, Italia, Brasil, Cuba ou Estados Unidos.
O equipo de traballo do Grupo Ingapán está formado por 440 traballadores, cunha idade media de 32 anos, e dos que un 80% son mulleres. No pasado exercicio, o grupo obtivo unha facturación total superior aos 67 millóns de euros.
Na actualidade, o grupo lugués está construíndo a ‘Cidade do pan’ en Outeiro de Rei, contará cun investimento de 42 millóns de euros e suporá a creación duns 400 novos postos de traballo.