Aberto o prazo para inscribirse na Aula de Práctica Empresarial da Cátedra Bancaja
A Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora mantén aberta a matrícula para a súa Aula de Práctica Empresarial que se desenvolverá dende xaneiro ata o mes de abril de 2010. O prazo remata este venres 18 para os que desexen cursar o programa completo e esténdese ao 14 de xaneiro para os que queiran acudir só ás conferencias.
O programa contempla catro relatorios, abertos a todos os estudantes e con temática relacionada coas competencias e habilidades do emprendedor, destacando a colaboración do Club Obradoiro de Baloncesto que explicará o nacemento deste proxecto empresarial e a súa evolución e implicación social.
Ademais, ofrécense tres talleres formativos de seis horas de duración nos que se traballarán competencias e habilidades directivas e sociais. En concreto, profundarase na construción de imaxe, na motivación persoal e no traballo en equipo.
Por último participarase noutras actividades, xa fóra das aulas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, como unha sesión de desenvolvemento de competencias relacionadas coa mellora do rendemento persoal e o traballo en equipo a través da práctica de golf ou diversas visitas a empresas e outras entidades.