Skip to main content

Inaugúrase o luns en Ordes un curso sobre a xestión ambiental nos concellos galegos

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A USC inaugura o luns 7 en Ordes o curso de verán ‘A xestión ambiental nos concellos galegos’, dirixido por Francisco José Peña Castiñeira e que terá como obxectivo contribuír á mellora da formación e da reciclaxe de técnicos en medio ambiente. O acto inaugural terá lugar ás 16:45 horas no Auditorio da Casa da Cultura da localidade. Despois, o catedrático de Medio Ambiente, Ordenación Territorial e Planificación do Desenvolvemento Sostible da Universidade Politécnica de Madrid, Domingo Gómez Orea, ofrecerá a conferencia titulada ‘Avaliación ambiental estratéxica: un instrumento para o desenvolvemento sostible’.
Ao longo de 30 horas lectivas, que se desenvolverán ata o 11 de setembro, tentarase actualizar a formación do persoal da Administración Local con responsabilidades en materia ambiental, coa finalidade de contribuír a mellorar a xestión ambiental nos concellos galegos.
Tentarase ademais implicar máis se cabe ao profesorado e alumnado dos centros educativos coa protección e conservación da natureza. Neste sentido, entre as múltiples intervencións que haberá neste curso, destaca na primeira xornada a charla do profesor de Medio Ambiente e Saúde do CEPADE Francisco José Peña Castiñeira, quen, despois de facer un diagnóstico sobre a saúde ambiental dos concellos galegos, achegará as súas propostas de mellora.
Nas sesións analizarase tamén entre outros temas a xestión integrada da costa e a protección do litoral galego á prol dun urbanismo sostible ou o cambio climático. O curso conta ademais cunha parte práctica que permitirá aos asistentes visitar o embalse de Vilagudín, ETAP e EDAR municipais e o punto limpo da localidade.

The contents of this page were updated on 09.04.2009.