A VI edición da Mostra de Teatro Afeccionado Cidade de Lugo conta este ano con sete representacións no Auditorio

A VI Edición da Mostra de Teatro Cidade de Lugo dará comezo a próxima semana na cidade organizada polo Concello de Lugo coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura da USC e a Escola Arte e Lecer do Colexio Fingoi, e que nesta edición está coordinada por Palimoco Teatro. Así o anunciaron hoxe a concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a presidenta da Escola de Arte e Lecer, Asunción Fernández, e o coordinador, Alberto Vivero.
Este encontro cultural comezará coa Compañía de Teatro da USC- Lugo, este ano dirixida por Quico Cadaval, co estreo en Lugo da obra A Ronda, que ven de ser galardoada cunha mención especial do xurado na XIII MITEU de Ourense.
Continuará o 6 de maio coa obra de Lorca ‘Vodas de Sangue’, baixo a dirección de Guillermo Cancelo e a cargo da Aula de Formación Teatral da Concellería de Educación. O día 7 de maio Jorge Coira amosará as súas dotes como director teatral coa estrea da obra ‘FLIS-FLI-RIS-FLAS’, de Matapiollos Teatro. O 8 de maio representarase ‘O tempo apremia’, unha nova proposta de Nostrun-Cai baixo a dirección de Lola Fernández.
A Mostra retomarase o día 12 de maio con ‘Pic-nic’, de Pinchacarneiro Teatro, e, ao día seguinte será a preestrea en Lugo de ‘O Divino Sainete’ a cargo de Achádego Teatro. O día 14 pechará a Mostra a obra ‘Pensión 13’, do dramaturgo lucense Xoán Laxe, representada polo grupo Nova Escena Teatro, dirixidos polo tamén lucense Mario Tomás López.
As rúas e o Campus tamén se encherán de teatro coas compañías independentes universitarias da Residencia Bal e Gay e Tessellas Teatro, que actuarán os días 30 de abril e 2, 8 e 9 de maio.
Todas as obras representarase no Auditorio Gustavo Freire, ás 20:30 horas, agás a de Matapiollos, que será ás 19:00 horas, xa que está dirixida principalmente ao público infantil. As entradas para as representacións poderán comprarse dende unha hora antes da función no propio Auditorio e teñen un prezo de 3 euros.
Durante a presentación, o vicerreitor lembrou a vocación da USC polo teatro remitíndose ás xa XIV edicións celebradas en Lugo do Festival de Teatro Universitario e ao intenso traballo realizado pola Compañía da USC e doutros grupos que se forman no seno do Campus lugués.