O experto norteamericano David Blair participa no Seminario Vidal Abascal
O profesor norteamericano David E. Blair pronunciará unha conferencia este martes, 1 de abril, no marco do Seminario Vidal Abascal que organiza o Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC.
A conferencia, que terá lugar ás 16:30 horas na Aula 7 da Facultade de Matemáticas, leva por título ‘Catenoids: A Look at Conformal Flatness’ e nela falará do estudo que el mesmo iniciou hai trinta anos sobre as subvariedades minimais conformemente chás do espazo euclidiano.
O profesor David E. Blair doutorouse en Matemáticas na Universidade de Illinois en 1966 e na actualidade ocupa un posto de profesor emérito na Universidade Estatal de Michigan. Prestixioso especialista no campo da xeometría diferencial, é autor dun centenar longo de traballos, publicados nas mellores revistas da área.