Skip to main content

Comeza en Lugo o Curso de Saúde Ambiental

A USC, que colabora na organización deste congreso, recoñéceo cun crédito de libre elección

Lugo será dende o luns 2 punto de encontro de ambientalistas de toda a provincia e de Galicia durante a celebración da XXXVI edición do Curso de Saúde Ambiental-Congreso provincial de Medio Ambiente, organizado polo profesor Francisco Peña coa colaboración das distintas Administracións Públicas, da Obra Social de Caixa Galicia e da USC.
Este foro de debate ten como obxectivo fundamental contribuír ao desenvolvemento sostible da provincia de Lugo, a mellorar a xestión nos aspectos ambientais da saúde dos concellos lucenses e con isto as condicións de vida urbana, tendo presente o peso específico que ten no medio ambiente como xerador de actividades capaces de producir emprego, renda, saúde e benestar á poboación.
O congreso terá lugar entre o luns e o venres 6 con sede na Fundación Caixa Galicia. Constará de oito sesións plenarias e unha exposición sobre a reserva da biosfera Terras do Miño na que participarán expertos das tres universidades galegas e da UPM; responsables e técnicos das Consellarías de Sanidade, Medio Ambiente e Industria, do Ministerio de Medio Ambiente e dos concellos, así como xestores de empresas relevantes de Galicia. Está prevista a intervención dun total de 42 relatores. O programa completarase con visitas prácticas á Reserva da Biosfera Terras do Miño, a ETAP, a EDAR e ao Punto Limpo de Lugo e ao Balneario e Termas Romanas.
No curso participarán funcionarios e responsables políticos da Administración local, provincial e autonómica, profesorado de ensino Secundario, Formación Profesional e Universidade; técnicos e xestores de calidade, medio ambiente e prevención de riscos laborais e estudantes do ámbito universitario. A USC recoñeceu para este Congreso un crédito de libre elección.

The contents of this page were updated on 05.30.2008.