Skip to main content

A Asociación IV Ciclo celebrará un ciclo de catro conferencias sobre a historia de Lugo no mes de abril

O ciclo foi presentado polo vicerreitor adxunto de Investigación, Agustín Merino; o coordinador do IV Ciclo, Emilio Carral, e o secretario da Asociación IV Ciclo, Xosé Valcárcel
O ciclo foi presentado polo vicerreitor adxunto de Investigación, Agustín Merino; o coordinador do IV Ciclo, Emilio Carral, e o secretario da Asociación IV Ciclo, Xosé Valcárcel

A Asociación IV Ciclo Universitario do Campus de Lugo celebrará no mes de abril un ciclo de conferencias sobre a historia da cidade de Lugo, na que se presentarán por separado catro momentos cruciais do pasado da cidade que serviron para forxar o perfil do Lugo de hoxe en día.
O ciclo consta de catro conferencias, que abrirá o profesor Antonio Rodríguez Colmenero para falar do Lugo Romano o día 10 de abril. Unha semana máis tarde, concretamente o día 17, será a vez de Adolfo de Abel Vilela para falar do Lugo Medieval. A etapa da Ilustración será o eixo da conferencia de Hortensio Sobrado Correa do 23 de abril para pechar co Lugo do Liberalismo, o día 8 de maio, a cargo de Antonio Prado Gómez.
Previamente, este xoves haberá unha charla, a modo introductorio do ciclo, da profesora Ana Cabana Iglesias co título ‘Historia dos caneiros do Río Miño’. No programa incluirase tamén un relatorio do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, aínda que a data está sen determinar.
Todas as charlas terán lugar no Salón de Actos da Escola de Formación do Profesorado, ás 19:30 horas da tarde. A entrada ás mesmas será gratuíta e libre para todos os alumnos da USC e o público en xeral.
O ciclo está coordinado polo profesor Carlos Valiña e dos catro conferenciantes, tres son profesores da USC actualmente, cada un especializado na época histórica da que falará na charla e todos eles coñecidos especialistas no campo da investigación con numerosas publicacións.
O ciclo de conferencias foi presentado hoxe polo vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino; o coordinador da Asociación IV ciclo no Campus de Lugo, Emilio Carral, e o secretario da asociación de alumnos de IV Ciclo Universitario, Xosé Valcárcel.

The contents of this page were updated on 03.31.2008.