Skip to main content

A Facultade de Matemáticas selecciona esta fin de semana aos 25 talentos matemáticos de ESTALMAT-Galicia 2008

Participan un total de 212 estudantes de 12 e 13 anos de toda Galicia

Un total de 212 estudantes de toda Galicia nacidos entre 1995 e 1996 participan este sábado 31 nas probas de selección dos 25 estudantes que accederán á segunda edición do Proxecto ESTALMAT- Galicia para a detección e estímulo do talento en Matemáticas. A proba, consistente na resolución de problemas de distinto tipo e un test psicométrico, celebrarase a partir das 9:50 horas na Facultade de Matemáticas a cargo do comité organizador que preside o decano do centro, Juan Viaño, e coordinado pola profesora de ensino secundario Mercedes Feijoo. Os participantes, 122 rapaces e 90 rapazas, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (105) e Pontevedra (71), seguidas das de Lugo (19) e Ourense (17).
As probas corrixiranas de forma anónima dous profesores de maneira independente, mentres que a preselección corresponderalle ao conxunto do comité. A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto (www.estalmatgalicia.com) na terceira semana de xuño. Os primeiros 25 rapaces preseleccionados e os seus pais/titores serán convocados a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades que terán lugar na Facultade de Matemáticas. Co obxecto de facilitar o seguimento do proxecto, o Comité Organizador xestiona a posibilidade de acceder a bolsas de viaxe para axuda nos desprazamentos.
O vindeiro curso os 25 alumnos seleccionados compartirán as aulas da Facultade cos 25 seleccionados na primeira edición do proxecto e que agora rematan as actividades do primeiro curso. No intermedio das probas, ás 12:30 horas, os participantes reuniranse para unha foto de grupo nas escaleiras da Facultade de Matemáticas.
O Proxecto ESTALMAT-GaliciaO Proxecto ESTALMAT- Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, forma parte do Proxecto ESTALMAT-España e conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e co patrocinio económico da Fundación Vodafone España, do CSIC, do Proxecto Ingenio-Mathematica, da Deputación da Coruña e da Obra Social Caixa Galicia.
O comité organizador e académico está formado por doce profesores de matemáticas do ensino medio e das tres universidades galegas, e conta co asesoramento da Unidade de Estudo e Investigación da Superdotación da Facultade de Psicoloxía da USC.
Funcionamento de ESTALMAT-GaliciaO funcionamento básico de ESTALMAT-Galicia consiste na selección de alumnos, mediante unha proba que pretende detectar aptitudes matemáticas avanzadas, para impartirlles clases adaptadas ao desenvolvemento do seu talento. Estas clases impartiranse na Facultade, nas mañás dos sábados durante dous cursos académicos consecutivos (25 sábados cada curso) por un equipo docente de 25 profesores de recoñecida competencia e especialmente formados para este cometido. O curso iníciase cun campamento matemático e, ademais das clases, inclúe xornadas virtuais e concursos matemáticos conxuntos con proxectos ESTALMAT doutras comunidades autónomas.
Con esta iniciativa, non se trata de adiantar aos alumnos en contidos matemáticos do seu currículo escolar senón, pola contra, desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Para acadar mais información sobre o proxecto as persoas interesadas poden dirixirse á web http://www.estalmatgalicia.com

The contents of this page were updated on 05.30.2008.