Skip to main content

A USC e o Consorcio de Santiago impulsan o Premio Fonseca de divulgación científica

A USC e o Consorcio de Santiago, conscientes da importancia da transferencia do coñecemento e no marco do Programa ConCiencia, impulsarán o Premio Fonseca de divulgación científica que se crea coa vontade de incentivar a transmisión do coñecemento científico e o saber ao gran público. O premio constará dun diploma acreditativo, unha reprodución en bronce de Alonso III de Fonseca deseñada por Ramón Conde e dunha dotación económica de 6.000 euros.
As bases da convocatoria presentáronas este venres 29 no Colexio de San Xerome o reitor da USC, Senén Barro, e o presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Á presentación asistiron ademais o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o coordinador do programa ConCiencia, Jorge Mira; e o escultor e deseñador do galardón que se entregará aos premiados, Ramón Conde.
Poderán ser candidatas ao premio aquelas persoas acredoras dunha destacada traxectoria no eido da divulgación científica dirixida ao público en xeral mediante unha utilización eficaz das posibilidades que ofrecen os medios de comunicación e mediante o desenvolvemento de métodos ou medios de divulgación científica innovadores. Tamén poderán ser obxecto de recoñecemento aquelas persoas que a través da súa actividade supoñan un referente público que estimule o interese xeral polo coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico nalgún ámbito do saber.
O Premio Fonseca, que terá carácter internacional, toma o seu nome dun dos fundadores da USC e persoeiro de capital importancia na conformación de Compostela como lugar de gran riqueza intelectual e científica e como foro de creatividade.
Integran o xurado o reitor da USC, o xerente e o director de programas do Consorcio, o coordinador do programa ConCiencia, e catro persoas relacionadas co eido da divulgación científica por proposta da universidade compostelá e do Consorcio. O xurado valorará aqueles aspectos persoais e profesionais dos candidatos que teñan unha relación máis directa co obxectivo do premio, tendo presente que non se trata de recoñecer traxectorias científicas excepcionais senón contribucións excepcionais á divulgación científica e ao estímulo de vocacións e ao desexo de saber en xeral ou en ámbitos concretos do coñecemento e do desenvolvemento científico.
A presentación de candidaturas, acompañadas da documentación pertinente, farase nos rexistros dos campus de Santiago ou Lugo antes das 14:00 horas do vindeiro día 15 de abril. A decisión final do xurado farase pública antes do remate de maio de 2008.

The contents of this page were updated on 02.29.2008.