As xornadas 'Mulleres ConFormando a Ciencia' inaugúranse o luns cunha exposición sobre o seu papel innovador
‘Mulleres ConFormando a Ciencia’ é o título das xornadas que a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia e a Facultade de Matemáticas organizan en decembro dirixidas a docentes de ensino medio, persoal docente e investigador da USC e estudantes de Matemáticas, Física, Bioloxía, Química, Enxeñarías Química e Técnica de Informática de Sistemas e Educación Social. O prazo para inscribirse remata este xoves 27.
As xornadas inauguraranse este luns, 1 de decembro, ás 17:30 horas, no Museo Pedagóxico de Galicia nun acto no que interveñen a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, a presidenta da Real Sociedad Española de Matemáticas, Olga Gil, e a profesora da USC Elena Vázquez Cendón. A continuación, a asesora do ámbito científico-tecnolóxico do CEP Luisa Revuelta de Córdoba, Carmen Jalón Ranchal, presentará a exposición ‘A muller: innovadora na ciencia’ da que é coautora.
Xa o xoves 11 na Facultade de Matemáticas a profesora Josefina Ling presentará o proxecto ‘Ela é unha astrónoma’ e a continuación haberá unha visita guiada ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.
Este evento científico rematará o martes 16 no IES Rosalía de Castro coa presentación de experiencias de Mulleres que ConForman Ciencia desenvoltas en centros de ensino medio e en universidades galegas. Participan nesta sesión, entre outras, a estudante de Bioloxía Sara Bernárdez Noya, primeiro premio na área de Ciencias da Terra e da Vida no ‘Certame de Novos Investigadores 2008’, e a licenciada en Matemáticas e estudante do master de Enxeñaría matemática Ana Gómez González, gañadora da Olimpíada de Matemáticas en 2003. Como colofón, presentaranse os obradoiros sobre mulleres matemáticas na historia e no teatro, cunha pequena representación dun fragmento da obra ‘Voces desde el pozo’ dedicada á matemática e astrónoma Carolina Herschel.
As xornadas están organizadas polas profesoras da USC Josefina Ling Ling, membro do Proxecto ‘Ela é unha Astrónoma’ do Ano Internacional da Astronomía 2009; M. Elena Vázquez Abal, da Comisión Mujeres y matemáticas da Real Sociedad Matemática Española; e M. Elena Vázquez Cendón, presidenta da Comisión de Educación e Promoción Científica da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia.