Skip to main content

O Espazo Europeo de Educación Superior supón un cambio substancial nos actuais modelos de ensinanza e aprendizaxe

A cuestión abórdase de xeito exclusivo no número 18 da revista Innovación Educativa

A revista Innovación Educativa dedícalle o seu número 18 de maneira monográfica ao Espazo Europeo de Educación Superior que, segundo o director da publicación Eulogio Pernas, supón “un cambio substancial” nos actuais modelos de ensinanza e aprendizaxe.
O novo volume presentouse este xoves cun acto ao que tamén asistiron o vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres; o vicedecano da Facultade, Anxo Porto; o director do Departamento de Didáctica e Organización Escolar, Antonio Rial; o director do Instituto de Ciencias da Educación, José Cajide; e o responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Antonio Azaustre.
No transcurso da presentación, Elias J. Torres destacou “o impacto social” de actuacións culturais que, como esta publicación, sitúan á Facultade de Ciencias da Educación como “unha das punteiras no eido nacional e internacional”. Por outra banda, resaltou a necesidade dun plan concreto para apoiar ás revistas da Universidade con parámetros que fomenten a súa capacidade e autonomía.
Na mesma liña, Azaustre falou dun “momento delicado” para as publicacións periódicas que precisan deste plan de divulgación académica “mellorando os procesos de avaliación, difusión e financiamento”. Ademais, a introducións deberán traducirse ao inglés, segundo indicou o director do ICE, que puxo como exemplo o número 18 de Innovación Educativa.Sobre a revista, Eulogio Pernas dixo que axudaría aos lectores a entender os procesos de cambio educativo na Universidade e Antonio Rial destacou a labor do profesor Carlos Rosales que iniciou o traballo e soubo situar á publicación “nun lugar digno”. Finalmente, Anxo Porto subliñou a importancia deste tipo de iniciativas nas que se resumen as liñas de investigación máis importantes da Facultade.
Contidos da revistaO número 18 de Innovación Educativa céntrase no futuro da ensinanza superior en Europa con quince artigos sobre cuestións como a presión pola modernización, o caso concreto de Portugal, o proceso na Universidade de Vigo, estratexias didácticas, a formación inicial do profesorado, o deseño de competencias, a educación para a saúde, a creatividade no contexto universitario ou a aprendizaxe en ciencias sociais mediante o uso de casos audiovisuais.
O desenvolvemento de competencias na formación inicial do profesorado de Infantil e Primaria e a ensinanza de música son outros temas que trata a revista. Tamén mostra unha perspectiva especialmente crítica cun texto sobre a razón instrumental da universidade ao servizo da empresa.
A publicación edítaa con carácter anual o Departamento de Didáctica e Organización e o Instituto compostelán de Ciencias da Educación, correndo a edición técnica a cargo do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.

The contents of this page were updated on 07.17.2008.