Skip to main content

Inauguración do Encontro de antigos alumnos dos cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros

Na tarde do martes 22 reuniranse en Filoloxía cos escritores galegos Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Suso de Toro e Fina Casalderrei

Máis de douscentos alumnos participan esta semana en Santiago, entre os días 21 e 23 de xullo, no Encontro de antigos alumnos dos cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros. Todos eles asistiron a algunha das edicións destes cursos que se veñen celebrando ininterrompidamente desde o ano 1988 e que cumpren así o seu vixésimo aniversario.
O encontro inaugurarase este luns 21 ás 18:00 horas no Salón de actos da Facultade de Filoloxía nun acto que contará coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro; a secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; e representantes da Vicepresidencia da Xunta e do Concello de Santiago. Tras a inauguración, o presidente do comité organizador e profesor da USC Manuel González ditará a conferencia inaugural ‘20 anos de cursos de galego para estranxeiros’.
Embaixadores do galegoOs alumnos proceden de Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Chile, Croacia, Cuba, Escocia, Eslovenia, España, Estados Unidos, Estonia, Finlandia, Francia, Gales, Grecia, Hungría, India, Inglaterra, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Romanía, Rusia, Serbia, Suíza, Ucraína e Xapón.
O encontro ten como finalidade facer unha avaliación dos vinte primeiros anos dos cursos de galego para estranxeiros á vez que recoñecer o papel dos seus alumnos e aproveitar a súa capacidade como embaixadores do galego, da USC e de Galicia por todo o mundo.
Realizarase tamén balance dos traballos e actividades levados a cabo nos distintos países do mundo sobre a lingua, a literatura, a etnografía, a música, a historia e todos os aspectos culturais relacionados con Galicia e o galego polos asistentes a estes cursos. Ademais, tentarase que o encontro sexa un punto de partida da USC-World, unha rede de antigos alumnos e/ou colaboradores da institución compostelá que permita manter o contacto entre eles, facilitar a comunicación e elaborar proxectos cooperativos.
Programa de actividadesA xornada do luns rematará coa celebración dunha mesa redonda na que algúns dos alumnos asistentes contarán as súas experiencias nos cursos de galego da USC.
Na sesión do martes traballarase nas experiencias e actividades sobre Galicia e a súa cultura desenvolvidas nos países dos alumnos. Está ademais programado para esa tarde, ás 18:00 horas, un encontro con escritores representativos da literatura galega actual, ao que acudirán Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Suso de Toro e Fina Casalderrei.
O último día do encontro, o mércores 23, comezará ás 10:00 horas cunha mesa redonda sobre a experiencia do profesorado dos cursos de galego para, a continuación, ter lugar unha xuntanza con responsables universitarios na que se presentará a rede USC-World e se tratarán iniciativas conxuntas a desenvolver no futuro. Pola tarde terá lugar a última mesa redonda coa participación de varios alumnos dos cursos na que explicarán a súa visión de Galicia e dos galegos. A clausura oficial terá lugar ás 18:30 horas.

The contents of this page were updated on 07.21.2008.