Skip to main content

Inauguradas as XIII Xornadas Internacionais de Enfermaría, centradas na drogadicción e nos accidentes de tráfico

As xornadas, dedicadas este ano á drogadicción e accidentes de tráfico, contan coa participación de 250 persoas
As xornadas, dedicadas este ano á drogadicción e accidentes de tráfico, contan coa participación de 250 persoas

Co título ‘Drogas e accidentes de tráfico. Dous son mil’ arrincaron este mércores as Xornadas Internacionais de Enfermaría, organizadas pola Escola de Enfermaría da USC do Campus lugués en colaboración co Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo. Esta convocatoria, que este ano conta coa presenza de 250 persoas entre profesionais e estudantes, acada xa a súa edición número trece.
A inauguración tivo lugar ás 18:00 horas presidida polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o director da Escola de Enfermaría de Lugo, José Luis Díaz López, e o presidente do Colexio de Enfermaría, Miguel Fernández. Estiveron acompañados polo alcalde, José López Orozco; o subdelegado do Goberno, Jesús Otero; o delegado provincial da Consellaría de Sanidade, Miguel Ángel Rodríguez Lois; o director provincial do Sergas, José Luis Rodríguez López; o xerente do complexo hospitalario Xeral-Calde, Francisco Martínez Otero, e a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez.
Unha vez rematado o acto de apertura deron comezo estas xornadas, que se alongarán ata o venres, da man da coñecida enfermeira norteamericana Lynda Juall Carpenito-Moyet, que falou sobre o impacto do diagnóstico dos pacientes na profesión. Esta especialista, presidenta da LJC Consultants Inc. In Mickleton de Nova York, está recoñecida internacionalmente polas publicacións realizadas sobre diagnósticos de enfermaría.
A continuación, o secretario xeral da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Luis Vázquez Rodríguez, explicou o Plan de Seguridade Vial de Galicia.
Remataron esta xornada inaugural cunha recepción dos participantes por parte do alcalde, José López Orozco, no Salón de Plenos do Concello.
Resto do programaAs mesas redondas e coloquios que se celebrarán o xoves estarán centradas na atención a pacientes con traumatismos causados en accidentes de tráfico, ás 10:00 e ás 17:00 horas. A segunda parte da tarde estará centrada nas experiencias de enfermaría e nos aspectos relevantes dos coidados destes profesionais.
O venres as intervencións e os debates estarán centrados na educación sobre drogas, tabaco e alcohol. Entre eles destaca a presencia do xefe do Servizo da Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencia do Servizo Galego de Saúde, Indalecio Carrera Machado, e dos responsables do servizo de prevención de drogas do Concello de Lugo.
Estas xornadas reúnen en Lugo este ano a un total de 20 relatores procedentes de distintos ámbitos universitarios, así como a especialistas nestas materias na Administración xeral. Ademais de Lynda Juall Carpenito, participan tamén Elaine Stevens, que é vogal do Royal College Nursing, enfermeira do Hospital de Aushine e profesora da Universidade escocesa de Paisley. Se clausurarán cunha cea de gala o venres.

The contents of this page were updated on 03.26.2008.