Skip to main content

A USC encargarase da formación en novas tecnoloxías de empresarios de Lugo ao amparo do Proxecto PARQUE

O profesor da USC Luis Gago foi o encargado de explicar, xunto ao vicerreitor adxunto de Investigación e á concelleira de Economía, o funcionamento do programa de formación
O profesor da USC Luis Gago foi o encargado de explicar, xunto ao vicerreitor adxunto de Investigación e á concelleira de Economía, o funcionamento do programa de formación
Realizarase a través dunha web de fácil manexo elaborada pola Aula TIC-Pemes

A Universidade de Santiago de Compostela dende o Campus de Lugo será a encargada do traballo de formación a empresarios dentro do proxecto PARQUE a través das unidades transfronteirizas de apoio, que foron presentadas no Concello por parte da concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e o vicerreitor adxunto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, Agustín Merino.
Estas unidades servirán como soporte para a mellora e o desenvolvemento dos parques empresariais de Galicia e Norte de Portugal, que actualmente están atrasados no uso das novas tecnoloxías. De feito, só 11 dos 288 que forman parte da eurorrexión dispoñen de servizos de videoconferencia, 16 de servizos de información empresarial e 29 de servizos de vixilancia de empresas. Unicamente cinco dos parques teñen este conxunto de servizos básicos dixitalizables.
O traballo de formación a través das distintas unidades estará xestionado a través da web creada na Universidade, www.proyectoparque.net. A través deste servizo, de moi fácil manexo, o empresario estará en constante conexión cos seus formadores, a través da Aula TIC-Pemes da Universidade, que dirixe Luis Gago.
Así, as unidades, a de apoio tecnolóxico á Peme e a de apoio ao inventor, están orientadas a dar apoio e asesoramento tecnolóxico, así como ao estímulo e soporte á creación de patentes. Para isto promoverase o acceso ao financiamento público e privado para a posta en marcha de proxectos empresariais a partires de novas creacións.
Con estas unidades de apoio o que se pretende é achegar a tecnoloxía, as TIC, ás pemes e apoiar os inventos, as novas creacións, para que compitan con propostas diferentes e rechamantes.
A Unidade transfronteiriza de apoio a inventores pretende facilitar a captación de usuarios nos respectivos ámbitos territoriais de actuación do Proxecto PARQUE. Con esta actividade, preténdese crear un marco de referencia para a materialización práctica da creatividade intelectual en actividades económicas sostibles evitando a actual perda de coñecemento e de oportunidades de Spin-off.
Ademais, a USC recolle, a través do Programa Uniemprende, todas as actividades relacionadas co campo da creación de empresas de base tecnolóxica. Este é un plan que abarca todas as fases que un emprendedor debe percorrer para lanzar o seu novo negocio:a captación e formación de emprendedores, a avaliación de tecnoloxías, o asesoramento, a incubación e o financiamento de proxectos.
Pola súa banda, a Unidade transfronteiriza de apoio ao inventor apoiará ao persoal das empresas dos Parques empresariais implicados no Proxecto Parque, que teñan unha idea de negocio e queren levar a cabo unha actividade empresarial, facilitando as ferramentas necesarias para a súa posta en marcha. Potenciarase a promoción de iniciativas de empresas de base tecnolóxica.
A Unidade transfronteiriza de apoio tecnolóxico ás Pemes está orientada a proporcionar asesoría e orientación tecnolóxica en determinados aspectos da área das TICs. Foméntase a creación de intranets, extranets e portais web como ferramentas de colaboración para as empresas.
InscriciónsPara participar desta formación, as empresas que o desexen, deberán acreditar a súa situación nalgún dos parques participantes no Proxecto. As instruccións para o rexistro estarán dispoñibles no espacio web das Unidades Transfronteirizas da páxina do Proxecto.
O vicerreitor adxunto de Investigación, Agustín Merino, cualificou esta colaboración co proxecto como moi positiva e novidosa, xa que “permitirá o intercambio de coñecementos entre Galicia e o Norte de Portugal”. Engadiu tamén que “axudará a asegurar que as persoas que se formen no noso contorno permanezan nel”.
Agustín Merino indicou tamén que esta colaboración está baseada na máxima de que “toda a investigación que se leva a cabo no Campus ten que ter unha aplicación e debe servir para mellorar a concorrencia das nosas empresas”.

The contents of this page were updated on 03.06.2008.