Skip to main content

Corenta profesionais da saúde de España e Portugal participan no 'V Curso do Programa para Deixar de Fumar'

As xornadas achegan as habilidades necesarias para aplicar o tratamento psicolóxico que a Unidade de Tabaquismo desenvolve dende hai 25 anos

Corenta profesionais do eido da saúde de España e Portugal asisten este xoves 28 e venres 29 na Facultade de Psicoloxía ao ‘V Curso do Programa para Deixar de Fumar’, dedicado nesta ocasión ás habilidades clínicas. Trátase de que os participantes adquiran os procedementos necesarios para aplicar o tratamento psicolóxico que, baixo a dirección do catedrático Elisardo Becoña, a Unidade de Tabaquismo da USC leva aplicando con éxito dende hai 25 anos.
As xornadas profundan nun programa que é de referencia pola súa eficacia, baixo custe e aceptación por parte dos fumadores. Ata agora, na Unidade de Tabaquismo foron tratadas case 10.000 persoas. Ademais, outras 20.000 conseguiron deixar a nicotina a través da aplicación por parte doutros profesionais ou cos distintos manuais de autoaxuda baseados no mesmo programa. Recentemente, a editorial Nova Galicia Edicións publicou unha nova versión do manual deste tratamento baixo o título Programa para dejar de fumar.
En xeral, o curso traslada aos médicos, enfermeiros ou psicólogos participantes a dilatada experiencia da Unidade de Tabaquismo da USC e, así, mellorar o seu traballo clínico cos fumadores. É outra contribución da Facultade de Psicoloxía para lograr unha redución do consumo de tabaco e, polo tanto, das enfermidades que causa esta adicción.
Unidade de Tabaquismo da USCA pesar de todos estes esforzos, preto de 50.000 persoas falecen prematuramente cada ano en España polo tabaco, o 29 por cento da poboación fuma e a nicotina segue sendo a primeira causa evitable de morte en Galicia. Ante esta situación, xurdiu a Unidade de Tabaquismo da USC que leva dende 1984 acumulando unha importante experiencia. Ditos coñecementos, publicados en revistas científicas nacionais e internacionais, serviron para crear o ‘Programa para Deixar de Fumar’.
Dirixida polo catedrático de Psicoloxía Clínica Elisardo Becoña, a Unidade tamén conta con varias investigacións que avalan a alta eficacia deste programa, referente internacional como tratamento psicolóxico efectivo para a adicción ao tabaco.
Na actualidade, o ‘Programa 2001 para Dejar de Fumar’ pódese aplicar en formato individual, en grupo e en formato autoaxuda tanto a través do correo, con apoio telefónico ou por correo electrónico.

The contents of this page were updated on 02.28.2008.