Skip to main content

A USC organiza unhas xornadas que achegan os dereitos humanos dende distintas perspectivas

Participarán representantes de Amnistía Internacional, UNICEF, Intermon-Oxfam e Médicos del Mundo, entre outros

Co fin de profundar nos dereitos humanos dende distintas perspectivas, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC organiza entre os días 4 e 6 de abril na Facultade de Matemáticas as ‘Xornadas de Dereitos Humanos e Participación: visións e proxectos das entidades de iniciativa social’. Nas sesións académicas analizaranse experiencias prácticas de traballo e intervencións que xa se están a desenvolver neste eido.
A situación xeral no mundo con respecto aos dereitos humanos será a cuestión coa que abrirá o encontro destinado a tratar a relación desta normativa coa infancia, xénero, política, pobreza, economía e exclusión. Nas xornadas tamén se explicarán as circunstancias actuais dos dereitos do neno en Galicia e a protección dos dereitos humanos no contexto da globalización, entre outras cuestións.
As asociacións que mostrarán aos asistentes casos prácticos sobre o fomento destes dereitos no mundo son Amnistía Internacional, UNICEF, Intermon-Oxfam, Médicos del Mundo, Secretariado Gitano, Arela, Colectivo Gay-Lesbianas e o Comité Anti-SIDA.
Dereitos HumanosA Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou e proclamou en 1948 a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. A día de hoxe, explican os organizadores das xornadas, son múltiples os escenarios “nos que atopar exemplos do incumprimento de calquera dos 30 artigos que compoñen esta declaración” e, engaden, “as máis das veces a información e a denuncia pública destas situacións vén da man das entidades do terceiro sector”.

The contents of this page were updated on 03.04.2008.