O Foro TecnoETIS porá en contacto a estudantes de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas da USC con empresas do sector TIC
O Foro TecnoETIS será o punto de encontro este xoves 13 entre estudantes de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas da USC e empresas do sector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións nunha xornada técnica que se vai celebrar no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría entre as 11:00 e as 14:00 horas. No foro as empresas participantes presentarán a súa actividade, ámbito de negocio e proxectos en curso xunto coa súa oferta de prácticas en empresas e ofertas de traballo aos estudantes.
Entre as participantes no encontro atópanse dez empresas actualmente implicadas no programa de prácticas da titulacións, como son Altia, Bahía Software, Balidea, Cinfo, Coremain, ECISA, IT-Deusto, Level Telecom e Tecnocom. No programa de prácticas deste curso participan dezaseis entidades, entre empresas e institucións, todas elas desenvolvendo a súa actividade no eido das TIC.
Esta iniciativa inscríbese na recentemente iniciada ‘Aula Profesional ETSE’ na que teñen cabida eventos que sirvan para poñer en comunicación o mundo profesional e os estudantes a través do desenvolvemento de xornadas, seminarios técnicos, conferencias ou visitas técnicas, entre outras actividades. Nesta ocasión, o Foro TecnoETIS coordínano os profesores da titulación José Á. Taboada González e José M. Cotos Yáñez.
Incluído na programación da Aula Profesional ETSE, tense celebrado recentemente un taller de elaboración do Currículo Vitae e Superación de entrevistas de traballo, organizado coa colaboración dos Servizos de Apoio ao Empredemento e ao Emprego da USC, e están pendentes diversos cursos, conferencias e visitas a empresas.