O seminario Vidal Abascal contará coa presenza do profesor Xabier Domínguez para falar sobre dualidades de grupos abelians topolóxicos
O profesor da Universidade da Coruña Xabier Domínguez participará este xoves 13 nunha nova sesión do Seminario Vidal Abascal que organiza o Departamento de Xeometría e Topoloxía para pronunciar a conferencia ‘Dualidade(s) de grupos abelians topolóxicos’. A sesión comezará ás 16:30 horas na Aula 7 da Facultade de Matemáticas.
Nesta conferencia, Xabier Domínguez repasará diversas ideas sobre a noción de dualidade na categoría dos grupos abelians topolóxicos, un tema cunha larga e interesante historia, e presentará algúns resultados recentes obtidos en colaboración con Sergio Ardanza-Trevijano, María Jesús Chasco da Universidade de Navarra e Vaja Tarieladze do Muskhelishvili Institute of Computational Mathematics (Xeorxia).
Xabier Domínguezformouse nas universidades de Santiago de Compostela e Complutense de Madrid, onde obtivo o seu doutoramento en Matemáticas en 2002. Actualmente é profesor do Departamento de Métodos Matemáticos e de Representación e especialista no estudo analítico e topolóxico dos grupos, unha área de grande importancia na matemática e na física actuais.