A Vicerreitoría de Relacións Institucionais estreita lazos de colaboración con Canadá e Brasil
O vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández, reuniuse esta semana en San Xerome con representantes da Fundación Estudios Canadenses e da Embaixada de Brasil en España. As xuntanzas serviron para fortalecer as relacións académicas que xa existían entre a institución docente e os dous países americanos. A primeira en reunirse co vicerreitor foi a comitiva brasileira formada polos conselleiros cultural e de Promoción Comercial da Embaixada de Brasil, José Luiz Vieira e Tarsício Costa, respectivamente. A USC mantén convenios de colaboración cunha trintena de universidades brasileiras, a través dos que nos últimos cinco anos enviou a Brasil a preto de cincuenta estudantes da USC e recibiu a máis de cincocentos. Tamén os profesores e investigadores se beneficiaron de diversas axudas á mobilidade, fundamentalmente nas áreas de Humanidades e Ciencias Sociais. Pola súa banda, o martes foi recibida en San Xerome Marisa Calés Bourdet, da Fundación Estudios Canadienses, institución que trata de fomentar en España o coñecemento de Canadá e da súa realidade a través de diversos programas de bolsas dirixidas a estudantes universitarios para ampliación de estudos. A de Compostela ten convenio coas universidades canadenses de Newfoundland, New Brunswick e Simon Fraser, coas que leva intercambiado alumnos dende hai varios anos, maioritariamente de Filoloxía e Ciencias da Agricultura.