Alumnos estranxeiros recibiron información da programación cultural e dos servizos do Campus nunha reunión con persoal de Relacións Exteriores

Os estudantes estranxeiros no Campus de Lugo mantiveron este venres unha reunión co vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino, e con persoal da Oficina de Relacións Exteriores na que se lles informou dos programas culturais e dos servizos que ofrece o Campus de Lugo.
Ademais, nesta xuntanza de toma de contacto, tamén recibiron información por parte da USC das actividades culturais que se levan a cabo noutros lugares da cidade e falaron da súa experiencia nestas primeiras semanas de estadía na cidade. Os alumnos estranxeiros presentes en Lugo veñen de países como Portugal, Polonia, Italia, Gran Bretaña, Francia ou Alemaña.
Esta reunión englóbase nun programa posto en marcha pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais para incentivar a participación dos estudantes do Campus de Lugo nos distintos programas de mobilidade. De feito estase a informar estes días no Campus dos novas convocatorias de convenios con universidades de América, Asia, Australia e Suiza.
O prazo de inscrición está aínda aberto para o curso 2008/2009 e os interesados neles poden informarse na Oficina de Relacións Exteriores.
Por outra banda, en Lugo estanse a preparar outras iniciativas para facilitar a integración dos alumnos estranxeiros e para dar a coñecer os programas de mobilidade entre o estudantado lugués. Así, preparan un encontro de alumnos estranxeiros para finais de mes no que participarán tamén os alumnos inscritos en programas Erasmus para o próximo curso.