O I Congreso de Novos Investigadores na Idade Media abriu coa importancia da fortaleza medieval do Pico Sacro
O investigador do CSIC, César Olivera, abriu o ‘I Congreso de Novos Investigadores na Idade Media’ subliñando a importancia da fortaleza medieval do Pico Sacro, situada preto de Santiago, para o coñecemento da sociedade galega da época e as relacións de poder existentes no Camiño. Enmarcadas no encontro internacional ‘In marsupiis peregrinorum. Circulación de textos e imaxes arredor do Camiño de Santiago na Idade Media’, as xornadas celébranse ata o venres 28 na Facultade de Filoloxía.
Logo, a profesora da USC María Rocío Sánchez Ameijeiras contextualizou un caso particular no patrimonio artístico do Camiño de Santiago, o sepulcro de Santo Domingo de la Calzada, e as conexións do camiño físico coas vertentes espiritual e mística que “tamén compoñen o rito da peregrinación”. Xa pola tarde, o experto da Xunta de Galicia, Francisco Singul, pronuncia a conferencia ‘Simboloxía e mentalidade. Dous referentes no Camiño de Santiago durante a Idade Media’.
No transcurso da sesión académica tamén se presentaron comunicacións sobre a circulación peninsular da materia artúrica, os libros e guías para o Camiño ou a contrapropaganda nas Cantigas de Santa María, entre outras cuestións.
Venres 28A xornada seguinte comezará ás 10:00 horas coa conferencia do profesor da Universidade Autónoma de Barcelona, Antoni Rossel, titulada ‘A circulación da música arredor do Camiño de Santiago na Idade Media: Os procesos de imitación melódica e contrafacción’.
A continuación, trataranse cuestións como o Camiño como espazo da conciencia, influencia do Pseudo-Turpín no cantar de xesta L’entrée d’Espagne e a lenda da peregrinación xacobea de Saint Julien l’hospitalier. Finalmente, como peche final das xornadas, os docentes das Universidades de Porto e Coimbra, José Carlos Ribeiro e António Resende, respectivamente, abordarán ás 12:30 horas o discurso historiográfico sobre a formación do Reino de Portugal.