A Universidade rexeita os actos violentos producidos no transcurso da conferencia de María San Gil
O reitor Senén Barro Ameneiro e o Consello de Dirección da Universidade de Santiago de Compostela, este martes 12, manifestaron a súa repulsa aos actos violentos producidos por un grupo de mozos e mozas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, cando a presidenta do PP no País Vasco, María San Gil, ía pronunciar a conferencia “A aposta dunha muller polo progreso, pola convivencia e pola liberdade”, no marco do ciclo sobre “A Muller na sociedade e na economía”.
O reitor mostra o seu "máis firme compromiso co equipo directivo da Facultade, coa conferenciante, cos profesores, PAS e alumnos do centro e con todos aqueles que rexeitan actitudes que van contra a liberdade das persoas", manifestando que esta Universidade é un lugar onde "a liberdade de expresión será sempre defendida e no que non hai sitio para a violencia".
Facultade de Ciencias Económicas e EmpresariaisPola súa parte a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais fixo público o seguinte comunicado:
"Diante dos feitos violentos acaecidos esta mañá no transcurso da conferencia que a presidenta do PP do País Vasco, María San Gil, impartiu no noso centro, queremos manifestar: a nosa máis enérxica repulsa polos acontecementos violentos provocados por un reducido grupo incapaz de exercer a liberdade de expresión de xeito razoable e que coa súa conduta poñen en entredito as súas propias reivindicacións".