Skip to main content

Continúan os concertos do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira' coa actuación o mércores do Trío da Ponte

Será ás 20:30 horas na Fundación Caixa Galicia dentro do Convenio Lugo Cultural

O ciclo de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, do Convenio Lugo Cultural, continuará este mércores, día 13, coa actuación do Trío da Ponte, cun concerto de clarinete e fagot, na Fundación Caixa Galicia a partir das 20:30 horas. Este ciclo consta de catro actuacións, das que xa se celebraron dous e que combina a música clásica coa electroacústica coa participación de artistas que utilizan instrumentos que non son moi habituais en Lugo.
Este concerto estaba previsto que se celebrara o pasado 10 de xaneiro pero foi suspendido en sinal de respecto tras o falecemento do bispo emérito de Lugo, José Gómez. O Trío da Ponte formouse durante o curso 2005/06 como grupo de traballo para un curso de formación de profesorado, cando os tres compoñentes desenvolvían a súa actividade pedagóxica no Conservación Profesional ‘Tomás Luís de Victoria’ de Ávila. Dende entón, este grupo ten como obxectivo dar a coñecer os Divertimenti sobre óperas de Mozart, algúns dos cales se ofrecen no presente recital.
A última cita musical deste ciclo será a actuación de Cheg-I Chen Liu, que ofrecerá o día 27 un concerto de clave ás 20:30 horas, na Fundación Caixa Galicia.
Os concertos do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, nos que xa actuaron no mes de xaneiro o grupo O Labirinto da Guitarra e tamén Edson Zamprohona, están feitos coa colaboración de Clásicos en Ruta.
Os interesados en obter máis información sobre este ciclo e do resto da programación de Lugo Cultural poden facelo a través da súa web www.lugocultural.es.

The contents of this page were updated on 02.12.2008.