Skip to main content

Comezou en Santiago a quinta edición da Reunión do Grupo Especializado de Física do Estado Sólido

Público asistente á  Reunión do Grupo Especializado de Física do Estado Sólido
Público asistente á Reunión do Grupo Especializado de Física do Estado Sólido

A quinta edición da Reunión do Grupo Especializado de Física do Estado Sólido, coordinada pola Real Sociedade Española de Física, abriu este mércores 6 na Facultade de Química da USC coa conferencia ‘Estrutura, superconductividade e efectos termoeléctricos en materiais calcogénidos’ do profesor da Universidade estadounidense de Princeton, Robert Cava.
Na primeira xornada do encontro tamén se abordaron as propiedades de determinados policristalinos e películas nanoestruturadas ou mostráronse novos experimentos coa rotación dos imáns e sondas acústicas de superficie, entre outras cuestións.
Ao día seguinte, a reunión comezará ás 9:00 horas cun relatorio sobre as nanoestruturas de varios materiais que pronunciará o profesor da Universidade de Texas en Austin, Brian Korgel. A sesión continuará profundando en aspectos como os nanotubos de carbono, aplicacións das técnicas espectroscópicas, estruturas fotónicas escritas con pulsos ultracortos ou transporte da luz.
Como novidade, o encontro inclúe unha sesión extraordinaria no mesmo centro o xoves 7, ás 18:00 horas, sobre investigación en materiais avanzados. Nas charlas, patrocinadas polo Centro de Estudos Avanzados da USC e de acceso libre, participarán Robert Cava xunto co profesor da Universidade de Colonia, Daniel Khomskii, e da Complutense de Madrid, Miguel Angel Alario.
As liñas de investigación xerais a tratar no congreso, que finalizará o venres 8, centraranse en materiais nanoestruturados e nanotecnoloxías, física de superficies e interfases, materia blanda, polímeros, simulación de materiais, microscopías de proximidade e electrónicas, grandes instalacións, semicondutores, sensores, enerxía e materiais. Tamén se explicarán as propiedades magnéticas, supercondutoras, mecánicas, eléctricas, ópticas dos distintos materiais.

The contents of this page were updated on 02.06.2008.