Skip to main content

Os estudos universitarios en Galicia, no Foro Orienta'08

Unha mostra da USC no Forum ensina a través de portadas de xornais dende 1990 como a USC creceu á par que os que agora cumpren a maioría de idade
Unha mostra da USC no Forum ensina a través de portadas de xornais dende 1990 como a USC creceu á par que os que agora cumpren a maioría de idade
A feira celébrase ata este domingo no Instituto Feiral de Vigo

As tres Universidades galegas, xunto coa Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) e as Consellarías de Educación e Ordenación Universitaria e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, participan en Vigo desde este martes e ata o domingo 13 no Foro Orienta’08.
A feira da educación superior de Galicia inaugurouse esta mañá no Instituto Feiral de Vigo nun acto ao que asistiu a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e, por parte da USC, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e o presidente do Consello Social, Manuel Puga.
O Forum Orienta 2008 contempla nesta edición un total de 233 actividades que axudarán a difundir a oferta de ensino superior en Galicia aos visitantes que se acheguen a este evento, que os organizadores prevén que superarán os 15.000. Así, celebraranse charlas sobre as probas de acceso á Universidade ou a vida nos diferentes campus, ademais de concertos e obradoiros pasando pola realización de simulacros de realidade virtual.
Actividades da USCSon moitas e diversas as actividades que a USC ten previsto desenvolver ao longo desta semana en Orienta’08. Desde experimentos químicos a charlas sobre cine ou creación de fármacos, pasando por obradoiros para ver en directo aplicacións de intelixencia artificial nun robot.
Consciente de que na Universidade xoga un papel importante o cultural e deportivo, e sendo esa unha decidida aposta da USC, a institución compostelá organiza tamén exhibicións e obradoiros de actividades que os estudantes poderán practicar nas súas instalacións como malabares, danza do ventre, capoeira e teatro. Por último, os que se acheguen a Orienta’08 poderán coñecer de primeira man como é a vida na USC en diversas charlas dirixidas tanto aos futuros estudantes como ás asociacións de pais e nais.
Xa como actividades permanentes, a USC organiza dous concursos, un de trivial lingüístico e outro de resolución de problemas matemáticos. Expón ademais unha mostra fotográfica sobre os campus de Santiago e Lugo e outra na que, a través de portadas de xornais dende 1990, se ensina como a USC creceu á par que os que agora cumpren a maioría de idade. Unha montaxe química para visualizar unha reacción oscilante e unha actividade sobre un fondo virtual no que os participantes poden interactuar sobre diversos escenarios completan este panel de actividades.

The contents of this page were updated on 04.08.2008.