A Universidade de Santiago participa nunha investigación sobre propaganda e mentalidade bélica en España e América no XVIII
A USC, xunto coa Universidade chilena de Temuco, participou nun proxecto de investigación liderado pola Universidade de Huelva e cuxos resultados materializáronse no libro Propaganda y mentalidad bélica en España y América durante el siglo XVIII, querecentemente se presentou en Chile.
A investigación, na que traballou o profesor da USC Roberto López, pretende mostrar a incidencia dos conflitos bélicos na mentalidade colectiva dos súbditos da monarquía hispana durante o século XVIII. Trátase de oito traballos realizados por investigadores destas universidades españolas e da de Temuco, nos que se estudan distintas formas de manifestacións propagandísticas bélicas e a súa utilización para concienciar á poboación civil e os compoñentes do exército; así como tamén as reaccións, concepcións e comportamentos das poboacións locais e indíxenas en zonas enfrontadas a conflitos.
Propaganda y mentalidad bélica en España y América durante el siglo XVIII reúne investigacións relativas aos comportamentos sociais, culturais, políticos e relixiosos que se produciron durante ese século no marco dos conflitos bélicos, dea í que preste atención ao imaxinario colectivo, á propaganda e aos mecanismos de mobilización da opinión pública. O proxecto do que xurde parte da análise comparativa da realidade peninsular e americana considerando que a pesar das similitudes que puideran darse nin os procesos de evanxelización, nin a maquinaria publicística de Estado e da Igrexa foron suficientes para que se uniformizasen os hábitos e reaccións humanas en todos os dominios da Corona hispana, pois houbo comportamentos singulares que posibilitaban a defensa da propia identidade ante os discursos impositivos do poder central.