Rodríguez Colmenero falará do Lugo Romano na primeira das charlas sobre a historia da cidade organizadas pola Asociación IV Ciclo
O profesor Antonio Rodríguez Colmenero abre este xoves 10 o ciclo de conferencias sobre a historia de Lugo, organizadas pola Asociación IV Ciclo Universitario do Campus lugués e nas que se presentarán por separado catro momentos cruciais do pasado da cidade que serviron para forxar o perfil do Lugo de hoxe en día.
A charla de Rodríguez Colmenero leva por título ‘O Lugo Romano. Xénese e desenvolvemento da cidade romana’ e centrarase en cinco liñas de exposición como son os precedentes prerromanos, a conquista romana, a organización administrativa do Noroeste Peninsular, a evolución urbanística material e formal coa construcción da muralla e o solpor da cidade antiga.
Antonio Rodríguez Colmenero é catedrático emérito da USC e académico da Real Academia de Historia e da Academia Galega de Belas Artes. Actualmente é director do Centro de Estudos de Historia da Cidade de Lugo e do grupo arqueolóxico Larouco, así como da revista do mesmo nome. Ten publicado máis de 20 libros sobre temas monográficos e máis de cen artigos en revistas científicas.
A próxima semana continuarán as charlas, concretamente o día 17, coa intervención de Adolfo de Abel Vilela para falar do Lugo Medieval. A etapa da Ilustración será o eixo da conferencia de Hortensio Sobrado Correa do 23 de abril para pechar co Lugo do Liberalismo, o día 8 de maio, a cargo de Antonio Prado Gómez.
Todas as charlas terán lugar no Salón de Actos da Escola de Formación do Profesorado, ás 19:30 horas da tarde. A entrada ás mesmas será gratuíta e libre para todos os alumnos da USC e o público en xeral.
O ciclo está coordinado polo profesor Carlos Baliñas Pérez e dos catro conferenciantes, tres son profesores da USC actualmente, cada un especializado na época histórica da que falará na charla e todos eles coñecidos especialistas no campo da investigación con numerosas publicacións.