Skip to main content

O Encontro Universitario de Danza Contemporánea trasládase este mércores ao Campus de Lugo

A actuación será ás 20:30 horas na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial

Os sete grupos que dende o luns participan en Santiago no Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC recollerán esta noite os seus trebellos e marcharán cara a Lugo, onde o mércores e o xoves continúa a celebrarse este festival. Dirixido e coordinado por Juan Carlos Zahera, nesta ocasión participan, ademais da USC, a Universidade colombiana de Cundinamarca, a Université Paris 13, a Técnica de Lisboa, a Carlos III de e a Europea de Madrid e a Autónoma de Barcelona.
En Lugo a primeira actuación terá lugar este mércores 16 ás 20:30 horas na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial coa intervención das Universidades de Lisboa, Cundimarca, Barcelona e Santiago. A compañía da USC presentará a súa nova peza, ‘O falar calado’, na que se reflicten as lembranzas que se levan ao longo da vida. Esta coreografía, creada por Zahera, estreouse o mes pasado no festival de danza universitaria organizado pola Universidade Carlos III de Madrid.
Pola súa banda, os portugueses traen ‘Flor Bela de Alama’, untraballo inspirado na vida e obra da poetisa Florbela Espanca, mentres que o grupo colombiano representará ‘El último ángel’ coa que reflexionan sobre o compromiso que como seres humanos temos coa especie e o universo. Xa a Autónoma de Barcelona se estrea na USC coa intervención ‘Selecciona la opción deseada’, sobre as consecuencias que ten o avance tecnolóxico nas nosa vidas.
Xa o xoves 17, ás 12:00 horas, os distintos grupos ofrecerán un estrato das súas coreografías no vestíbulo da cafetería da Escola Politécnica Superior para, ás 20:30 horas no Museo, intervir coas súas pezas os grupos de París 13, Europea de Madrid, Carlos III e Santiago.
Os madrileños da Carlos III presentan a peza ¿Quien ama a Virginia?, unha creación arredor do universo literario da escritora Virginia Woolf, mentres que os da Universidade Europea viaxan cara aos matices sensitivos escondidos nos recunchos do corpo con ‘El cuerpo en blanco’. Pola súa banda, os universitarios da París 13 reinterpretarán a peza Le danse des éventails de Andy Degroat a partir da notación Laban.

The contents of this page were updated on 04.15.2008.