O reitor Senén Barro preside a presentación do libro homenaxe ao xornalista Andrés Tarrío
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, presidirá este luns 21 o acto de presentación do libro En peregrinación ás estrelas. Polo Camiño de Santiago a carón de Andrés Tarrío Barreiro, que edita a Asociación de xornalistas e estudosos do Camiño de Santiago (APECSA).
A publicación, que se presentará ás 12:00 horas na Fundación Gonzalo Torrente Ballester (rúa do Vilar, nº 7, Compostela), recolle máis dunha vintena de traballos cos que xornalistas, políticos e historiadores, amigos todos de Tarrío, queren homenaxear ao xornalista do Grupo El Correo finado o pasado ano.
Na presentación participarán o xornalista e presidente de APECSA, Cristóbal Rámirez; o director xerente da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguibar; o xerente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester e vicepresidente da APECSA, José María García Palmeiro; e o xornalista de Galicia Hoxe, Miguel Seoane.