Skip to main content

A USC e a Casa de Velázquez desenvolverán actividades conxuntas no ámbito da cultura, a arte, a formación e a investigación

Ambas institucións asinaron un convenio marco de colaboración

O reitor da USC, Senén Barro, e o director da Casa de Velázquez, Jean-Pierre Étienvre, asinaron este martes 22 un acordo marco de colaboración para o desenvolvemento de actividades conxuntas no ámbito da cultura, a arte, a formación e a investigación. A sinatura do acordo celebrouse nun acto protocolario no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome no que tamén estiveron presentes o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, e a profesora da USC, Ofelia Rey.
O acordo de cooperación inclúe ademais a edición de publicacións comúns e a participación de investigadores de ambas as dúas institucións nas súas respectivas actividades habituais. Tamén se fomentarán encontros periódicos entre investigadores co obxectivo de intercambiar experiencias e coñecementos, así como facilitar a colaboración de proxectos comúns.
Para o desenvolvemento do presente acordo marco estableceranse convenios específicos nos que se definirá o obxectivo perseguido, o plan de traballo, orzamento total e medios materiais e humanos, normas para a coordinación, execución e seguimento e responsables do proxecto. O convenio ten unha vixencia de tres anos renovables por un período igual de tempo.
A Casa Velázquez é un centro de promoción da creación artística e da ciencia integrado na rede de Altas Escolas francesas no estranxeiro que, con carácter pluridisciplinar, acolle a investigadores e artistas co obxecto de contribuír a profundar no coñecemento da civilización hispánica e a desenvolver os intercambios científicos e artísticos entre España e Francia.
Na actualidade, a Casa acolle dentro da súa Escola de Altos Estudos Hispánicos a 18 investigadores, entre arqueólogos, historiadores, xeógrafos, literatos, lingüistas, sociólogos ou economistas, e paralelamente a 13 artistas integrados na súa Sección Artística.

The contents of this page were updated on 04.22.2008.