Skip to main content

O Lugo da Ilustración será analizado polo profesor Hortensio Sobrado nunha nova charla do ciclo sobre a historia da cidade

Está organizada pola Asociación IV Ciclo

O profesor de Historia Moderna da USC Hortensio Sobrado Correa ofrecerá este mércores 23 unha nova charla dentro do ciclo de conferencias sobre a historia de Lugo, organizadas pola Asociación IV Ciclo Universitario do Campus lugués e nas que se presentan por separado catro momentos cruciais do pasado da cidade que serviron para forxar o perfil do Lugo de hoxe en día.
A charla de Sobrado Correa leva por título ‘O Lugo da Ilustración’, e nela ofrecerá unha visión da realidade da cidade no século XVIII, movéndose entre a continuidade e a transformación, entre as grandes permanencias e as inercias propias dunha pequena cidade episcopal do interior. Exporá as características que tiña naquela época, como vila tradicional e ruralizada, que quedará fóra dos focos de desenvolvemento, para, posteriormente, comezar un proceso de transformación cun aumento da súa poboación, unha importante diversificación das actividades económicas e unha crecente actividade artística e urbanística.
A actividade investigadora do profesor Hortensio Sobrado céntrase principalmente no ámbito da Galicia rural do Antigo Réxime. Ten publicados máis de 30 artigos en revistas especializadas, colaboracións en obras monográficas, relatorios e comunicacións presentadas en congresos, nos que se analizan múltiples aspectos da vida cotiá galega na Idade Moderna.
O día 8 de maio rematará o ciclo coa conferencia de Antonio Prado Gómez sobre o ‘Lugo do Liberalismo’.
Todas as charlas teñen lugar no Salón de Actos da Escola de Formación do Profesorado, ás 19:30 horas da tarde. A entrada ás mesmas é gratuíta e libre para todos os alumnos da USC e o público en xeral.
O ciclo está coordinado polo profesor Carlos Baliñas Pérez. Todos os conferenciantes son doutores pola USC e colaboradores con esta institución, aínda que só dous, Rodríguez Colmenero e Sobrado Correa, exercen actualmente como profesores da USC.

The contents of this page were updated on 04.22.2008.