Skip to main content

A USC renova a certificación de calidade ISO 9001 para os Servizos de Xestión da Oferta e Programación Académica e de Xestión Académica

O Certificado de Rexistro de Empresa correspondente ao Sistema de Xestión da Calidade segundo a norma UNE-EN ISO 9001 acadado en 2005 para os Servizos de Xestión da Oferta e Programación Académica e de Xestión académica da USC acaba de ser renovado por tres anos máis, logo dun proceso de auditoría realizada pola Asociación Española de Normalización (AENOR).
No Servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica as actividades obxecto da certificación son as da oferta da libre elección, a determinación do límite de prazas e a planificación académica anual (elaboración e aprobación PDA, elaboración e aprobación POD e confección da oferta académica) para titulacións oficiais e propias de 1º e 2º ciclo. Para o Servizo de Xestión Académica son a xestión administrativa dos procesos de admisión e matrícula, recepción de actas, títulos, validacións, actos académicos e certificacións para titulacións oficiais e propias de 1º e 2º ciclo.
Compromiso coa calidadeA norma UNE-EN ISO 9001:2000 forma parte da familia de normas ISO 9000 que constitúen un conxunto de normas, cun amplo recoñecemento e aceptación internacional, elaboradas para axudar a organizacións de todo tipo e tamaño na implantación e mantemento de sistemas de calidade eficaces. De feito, indican que toda organización que aspira ao éxito permanente na súa xestión pode logralo implantando e mantendo un sistema deseñado para mellorar de forma continua, tendo en conta as necesidades e expectativas dos usuarios e outras partes interesadas.
Esta renovación reflicte o compromiso que a USC mantén coa mellora continua dos servizos prestados e o esforzo realizado para satisfacer as necesidades dos seus usuarios, sendo o obxectivo final que a USC consolide unha posición privilexiada no contorno universitario europeo como unha universidade de prestixio e referencia que incorpora a preocupación pola mellora da calidade a todas as súas actividades.
Recoñécese tamén o traballo realizado polos profesionais que traballan nos servizos, que debe ser “un aliciente para o resto da Universidade co fin de seguir sumando proxectos eficientes e eficaces”, indican os responsables de Calidade da USC.

The contents of this page were updated on 04.24.2008.