As tres Universidades galegas colaborarán co Clúster da Madeira de Galicia en proxectos de I+D+i
As Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña asinaron este martes un convenio de colaboración co Clúster da Madeira de Galicia (CMA) co obxecto de involucrarse no desenvolvemento da innovación dentro do sector da madeira. Na sinatura, que tivo lugar na Biblioteca América da USC, participaron os reitores Senén Barro, Alberto Gago e José María Barja, xunto co presidente do CMA, José Blanco.
A colaboración establecida traducirase en proxectos de I+D+i e de asesoramento mutuo na promoción social da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. Ademais, colaborarán na formación de persoal investigador, na realización de prácticas formativas e na inserción de alumnos en empresas.
Co convenio trátase, matizou Gago, de “responder á demanda sectorial” e de facer visible a disposición do Sistema Universitario de Galicia para asumir compromisos de colaboración, “en particular co entramado público e privado de I+D+i do noso país”. No mesmo senso pronunciouse o reitor da Coruña, para quen se abren unhas posibilidades de colaboración cun sector “de vital importancia” ao que “lle ofrecemos entusiasmo e coñecemento”.
Coincidiu cos seus homólogos Senén Barro ao destacar o potencial das Universidades galegas para calquera ámbito científico-tecnolóxico e económico. “Concretamente, dixo, no sector da madeira as Universidades somos un parceiro non só interesante, senón necesario”.
Plan Estratéxico da MadeiraPor outra banda, e como explicou José Blanco, a cooperación centrarase en proxectos de innovación no marco do Plan Estratéxico Operativo da Madeira (POMA) que executa o Clúster da Madeira de Galicia e que obtivo a cualificación de “Excelencia” do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
O POMA é unha ferramenta desenvolvida pola industria da madeira que ten como obxectivo conseguir un crecemento sostido que duplique a achega do sector á economía de Galicia no prazo de 10 anos. Para iso estableceron catro áreas prioritarias de actuación como son management e recursos humanos; excelencia operativa; marketing e internacionalizacion; e innovación tecnolóxica e deseño.
O ClústerO Clúster da Madeira constituíuse en 2001 e actualmente agrupa a 60 empresas galegas vinculadas con toda a cadea da madeira. O seu obxectivo é aumentar a concorrencia do sector e promover a cooperación dentro do sector da madeira.
En 2007, a facturación do sector ascendeu a 2.419 millóns de euros, un 5,6% máis que o ano anterior, e o emprego directo a 26.000 postos de traballo. Por emprego xerado, a madeira lidera a actividade industrial na metade das comarcas de Galicia.