Skip to main content

O reitor da Coruña participa no ciclo 'Unha andaina polas matemáticas' para analizar a simboloxía matemática das barras e códigos de control

O reitor da Universidade da Coruña, o profesor do Departamento de Computación José Mª Barja, participa o vindeiro luns 28 no ciclo de divulgación científica ‘Unha andaina polas matemáticas’ onde pronunciará a conferencia ‘Barras e códigos’. A sesión comezará ás 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Na súa intervención, Barja exporá aspectos da vida cotiá nos que a matemática se emprega para identificar persoas e obxectos, incluíndo algún exemplo de criptoanálise co obxecto de descubrir o que oculta un aparentemente inocente código de barras.
A matemática actual, tal e como porá de manifesto o reitor herculino, é capaz de explicar o papel de elementos tan cotiás na vida actual como, por exemplo, os díxitos de control do DNI describindo de modo simple os seus algoritmos de cálculo, tamén utilizados nos números das tarxetas de crédito ou nos códigos de barras. Coñecer o deseño ou emprego destes códigos permite descubrir sorprendentes usos desta simboloxía, altamente apreciada polos artistas polos seus valores estéticos.
Unha andainaO ciclo ‘Unha Andaina polas Matemáticas’ é unha iniciativa de carácter formativo e divulgativo, articulado en seminarios e conferencias, co obxectivo de mostrar aos asistentes a evolución histórica dalgúns conceptos matemáticos, a importancia e fermosura de resultados clásicos e modernos, así como as aplicacións dalgunhas teorías básicas tanto nas propias matemáticas coma na arte, arquitectura, bioloxía, ciencias sociais, enxeñaría física, informática, música ou na química entre outros.
Ao longo das distintas sesións do ciclo, que se prolongará ata mediados do mes de maio, estanse a explicar qué son e para qué se utilizan os algoritmos xenéticos ou as particularidades matemáticas dos mapas ou analizarase a relación entre teatro e matemáticas, entre outros asuntos. ‘Unha andaina polas matemáticas 2008’ está organizada pola Facultade de Matemáticas e polo Departamento de Xeometría e Topoloxía da USC.

The contents of this page were updated on 04.25.2008.