Clausurouse en Santiago o curso de formación en español para profesores portugueses
Trinta e cinco docentes de español de ensino medio de Portugal asistiron estes días ao Curso de lingua española e introdución á Acción eTwinning organizado ao abeiro do convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e Ciencia e a USC.
A actividade académica clausurouse na Facultade de Ciencias Políticas nun acto ao que, ademais do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, e a xerente de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud, asistiron destacadas autoridades dos ministerios de educación de España e Portugal. Entre eles, o secretario xeral técnico do Ministerio de Educación, Aurelio Pérez; a subdirectora de Cooperación Internacional, Margarita Melis; o director xeral de Innovación e Desenvolvemento Curricular do Ministerio de Educación de Portugal, Luís Manuel Antunes; e o conselleiro de Educación da Embaixada de España en Portugal, Francisco España.
Ademais das clases de lingua española, didáctica e metodoloxía que impartiu o equipo docente de Cursos Internacionais da USC, os profesores portugueses asistiron a unha serie de sesións introdutorias á Acción eTwinning ofrecidas polo Servizo Nacional de Apoio eTwinning pertencente ao Ministerio. Precisamente no marco desta Acción, e previo á clausura do curso, tivo lugar un encontro entre docentes de ensino medio lusos e españois co obxectivo de compartir ideas que conduzan a proxectos conxuntos entre os dous países.
eTwinningeTwinning é unha iniciativa da Comisión Europea que promove a irmandade entre dous ou máis centros educativos de países distintos da UE a través de Internet, de xeito que incentivan o uso das TICs, ademais da dimensión europea da educación e do traballo en colaboración.