Skip to main content

O reitor clausura o Encontro de antigos alumnos dos cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros

Máis de douscentos alumnos participaron esta semana en Santiago no Encontro de antigos alumnos dos cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros. Todos eles asistiron a algunha das edicións destes cursos que se veñen celebrando ininterrompidamente desde o ano 1988 e que cumpren así o seu vixésimo aniversario.
O encontro clausurarase este mércores 23 ás 18:30 horas no Salón de actos da Facultade de Filoloxía nun acto que presidirá o reitor da USC, Senén Barro. Asisten ademais a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; o secretario xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez; a directora do Instituto de Lingua galega, Rosario Álvarez; e o coordinador do encontro e profesor da USC Manuel González.
Embaixadores do galegoO encontro tivo como finalidade facer unha avaliación dos vinte primeiros anos dos cursos de galego para estranxeiros á vez que recoñecer o papel dos seus alumnos e aproveitar a súa capacidade como embaixadores do galego, da USC e de Galicia por todo o mundo.
Os alumnos proceden de Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Chile, Croacia, Cuba, Escocia, Eslovenia, España, Estados Unidos, Estonia, Finlandia, Francia, Gales, Grecia, Hungría, India, Inglaterra, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Romanía, Rusia, Serbia, Suíza, Ucraína e Xapón.
Realizaron tamén balance dos traballos e actividades levados a cabo nos distintos países do mundo sobre a lingua, a literatura, a etnografía, a música, a historia e todos os aspectos culturais relacionados con Galicia e o galego polos asistentes a estes cursos. Ademais, o encontro foi un punto de partida da USC-World, unha rede de antigos alumnos e/ou colaboradores da institución compostelá que permita manter o contacto entre eles, facilitar a comunicación e elaborar proxectos cooperativos.

The contents of this page were updated on 07.23.2008.