Skip to main content

Unhas xornadas da USC reivindican o papel do terceiro sector na defensa dos dereitos humanos

De esquerda a dereita, Javier Agrafojo, Arantxa Vicario e Victoriano de la Torre
De esquerda a dereita, Javier Agrafojo, Arantxa Vicario e Victoriano de la Torre
Participan representantes de Amnistía Internacional, UNICEF, Intermon-Oxfam e Médicos del Mundo, entre outros

Co fin de profundar nos dereitos humanos dende distintas perspectivas, o Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC organiza este fin de semana as ‘Xornadas de Dereitos Humanos e Participación: visións e proxectos das entidades de iniciativa social’. Preténdese con elas mostrar o papel que as ONG´s e os seus traballadores, socios e colaboradores voluntarios teñen xogado na defensa e promoción dos dereitos humanos.
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou e proclamou en 1948 a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. A día de hoxe, explican os organizadores do encontro, son “múltiples” os escenarios nos que atopar “exemplos do incumprimento de calquera dos 30 artigos que compoñen esta declaración” e, engaden, “as máis das veces a información e a denuncia pública destas situacións vén da man das entidades do terceiro sector”.
Nas sesións académicas, que se desenvolven na Facultade de Matemáticas, analizaranse experiencias prácticas de traballo e intervencións que xa se están a desenvolver neste eido. Así, participarán Amnistía Internacional, UNICEF, Intermon-Oxfam, Médicos del Mundo, Secretariado Gitano, Arela, Colectivo Gay-Lesbianas e o Comité Anti-SIDA.
O programaA situación xeral no mundo con respecto aos dereitos humanos foi a cuestión coa que abriu o encontro Arantxa Vicario, membro do comité executivo federal de Amnistía Internacional. A continuación, Gabriel González-Bueno, de UNICEF, explicou os avances e desafíos da convención dos Dereitos do Neno. Xa na tarde do venres José Luis Quintela, de Intermon-Oxfam, fala de política, pobreza, economía e exclusión, para deseguido intervir Juana María Santana Hernandez, de Médicos del Mundo, cun relatorio sobre dereitos humanos e xénero.
Nas vindeiras xornadas, os expertos de ONG’s e entidades solidarias ofrecerán aos asistentes as súas visións particulares sobre o desenvolvemento dos dereitos humanos nas súas múltiples facetas. Presentaranse tamén casos concretos como o de Colombia, cuxa experiencia persoal narrará Ricardo A. Fernández, de Amnistía Internacional.

The contents of this page were updated on 04.03.2008.