Os tres novos veterinarios do Rof Codina reciben as súas credenciais de bolseiros
Os tres novos veterinarios incorporados este mes ao servizo de urxencias do Hospital Clínico Veterinario Rof Codina recibirán este mércores, día 30, as súas credenciais de bolseiros. Este novo persoal facultativo foi contratado para reforzar a atención profesional no horario de 21:00 a 8:00 horas deste centro, gracias a un convenio firmado con Caixanova, que se encarga do financiamento destes novos traballadores.
No acto, que terá lugar ás 13:00 horas, estarán presentes o xerente do centro, Luis Felipe de la Cruz Palomino; a directora veterinaria do centro, María Luisa Suárez Rey, e o director do Instituto de Desenvolvemento de Caixanova, Carlos Palleiro.
Esta ampliación do cadro de persoal iniciouse este mes cunha duración dun ano sen posibilidade de renovación e a súa función é o fomento do emprego no sector ofrecendo unha formación con máis garantías de éxito para entrar no mercado laboral unha vez rematado este período.
Coa incorporación destes novos veterinarios, o servizo de urxencias contará cun facultativo de garda como ata o de agora, un destes veterinarios e os habituais alumnos, que están realizando prácticas académicas ou estancias, co que estará totalmente reforzado. As fins de semana estará suplementado tamén cos internos e un ou dous alumnos.
Nesta primeira convocatoria, os tres veterinarios foron escollidos mediante un proceso de selección tras unha convocatoria pública na que só se presentaron candidaturas de estudantes en Lugo. De todos os xeitos, a intención do Hospital e de Caixanova é continuar con este tipo de contratos subvencionados con fondos da entidade bancaria en próximos anos e abrir a convocatoria a titulados noutras facultades co único requisito de que o centro de procedencia teña a homologación da Unión Europea, como ten Lugo.
De cara ao futuro, a intención final é cambiar o método de contrato de bolsas desta primeira convocatoria a contratos laborais.