Skip to main content

O programa Uniemprende, de creación de empresas de base tecnolóxica na USC, obtivo a certificación de responsabilidade social conforme á norma SA 8000

De esquerda a dereita, Carlos Hernández, Senén Barro, Enrique Quejido e Carlos Martínez Peñasco
De esquerda a dereita, Carlos Hernández, Senén Barro, Enrique Quejido e Carlos Martínez Peñasco
A USC, primeira universidade española e das primeiras do mundo que acada este recoñecemento promovido pola Social Accountability International

O programa da USC Uniemprende, orientado á creación de empresas innovadoras xurdidas no seo da universidade compostelá, vén de obter a certificación de responsabilidade social do seu sistema de xestión conforme á norma internacional SA 8000, converténdose deste xeito na primeira universidade española que logra este tipo de recoñecemento.
A certificación recolleuna este martes 1 o reitor compostelán, Senén Barro, de mans de Enrique Quejido e Carlos Martínez Peñasco, director xeral de Certificacións e o comercial de Bureau Veritas, entidade encargada da certificación da norma SA 8000. No acto tamén estivo presente o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande.
A norma internacional SA 8000 está promovida pola Social Accountability International (SAI), unha organización sen fins de lucro dedicada ao desenvolvemento, a implementación e o control de normas de responsabilidade social verificables, co obxectivo de mellorar as condicións de traballo a nivel global.
Unimprende e a Responsabilidade SocialNo desenvolvemento das súas funcións, Uniemprende asume a Responsabilidade Social como a integración voluntaria das preocupacións sociais e ambientais nas súas operacións e relacións cos seus interlocutores. Isto supón na práctica a vontade de Uniemprende por devolver á sociedade en forma de servizos especializados parte do que recibe así como impulsar unha auténtica cultura da organización coa que transmitir a todos os seus compoñentes os valores e principios que deben orientar a actividade cotiá.
A certificación vén recoñecer recoñece o esforzo do Programa Uniemprende por aplicar os criterios de responsabilidade social na súa xestión, e sobre todo por orientar cara estes principios o seu labor de acompañamento ás persoas emprendedoras coas que colabora. O obxectivo final é formar a quen serán os empresarios e empresarias de Galicia nos valores da sustentabilidade económica, social e ambiental, e contribuíndo así a crear maior riqueza e un maior valor social no seu entorno.
Principios como a igualdade e a non discriminación, a transparencia ou a conciliación da vida laboral e profesional entre outros, forman parte destes principios que o Programa Uniemprende para a creación de empresas innovadoras ven aplicando internamente e promovendo entre as persoas emprendedoras dende o ano 2005.
A norma SA 8000A norma SA 8000 é o estándar internacional máis recoñecido e empregado para a posta en marcha de sistemas de xestión de responsabilidade social en organizacións de todo o mundo. De acordo cos últimos datos publicados por SAI, a 30 de setembro de 2007 existían en todo o mundo 1.461 organizacións certificadas conforme a este estándar, das que 16 se encontraban en España.
Para asegurar a súa vixencia e validez, a norma é revisada de xeito periódico para adaptarse aos cambios do entorno e dar resposta ás novas demandas dos interlocutores empresariais e sociais a nivel global, e pode ser certificada por entidades debidamente acreditadas.
Como acontece habitualmente nos sistemas de xestión, esta certificación ten unha vixencia de tres anos ao cabo dos que ten que ser renovada, e anualmente as organizacións certificadas reciben auditorías externas de seguimento para verificar a vixencia do sistema e asegurar a súa mellora continua.

The contents of this page were updated on 04.01.2008.